AGRICULTURA
AGRICULTURA REXENERATIVA
A agricultura rexenerativa é moi doada de entender se miramos atentamente un bosque primario e observamos como sostén unha grande biodiversidade, con presenza de animais e cun solo que está sempre cuberto de vexetais. Ese modelo, que leva evolucionando millóns de anos, é o modelo a imitar, mais adaptándoo ás nosas necesidades.
Contén varias características que, con lixeiras modificacións, constituirán as nosas liñas mestras, como respectar a estrutura do chan sen voltealo para non destruír a súa vida (miñocas, fungos, bacterias), traballando tan só o horizonte superior.
Por suposto, non empregaremos abonos inorgánicos, mantendo a fertilidade con compost, esterco ben maduro, restos vexetais, lixiviados, etc., aplicados sempre na superficie. Esta cobertura vexetal protexe da erosión, retén a auga, alimenta a microbioloxía e crea un hábitat para a fauna útil. Ademais, incrementa a materia orgánica e mellora a saúde global do solo.
Como referencia para todos os traballos, imos ter presentes as distintas fases da lúa, pois o seu efecto fai ascender a savia cando está en fase crecente, ou facela baixar cando entra en fase descendente, influíndo no crecemento da parte aérea ou das raíces.
Sen renunciar á produtividade, o obxectivo final é que a finca non só produza alimentos sans, senón que rexenere o solo, mellore a biodiversidade, capture carbono e fortaleza as comunidades rurais.
“Que lle deixo á terra e á xente que virá despois?”.
O QUE DEBES COÑECER SOBRE A AGRICULTURA ECOLÓXICA
Preme sobre cada foto para maior información
PREPARACIÓN DO SOLO, ASOCIACIÓNS E ROTACIÓNS
Para dar o paso cara á autosuficiencia alimentaria é necesario dispoñer dunha terra fértil, saber como manexala, coñecer que tipos de sementes podo plantar e a calidade dos alimentos que me van proporcionar, ou con que especies as asociar para obter mellores rendementos.