SERVICIOS > ANÁLISE DE TERRAS
ANÁLISE DE TERRAS
Por que facer unha análise de terras?
A análise de terras é o primeiro paso para xestionar ben unha explotación agrícola ou gandeira. Permíteche saber que ten e que lle falta ao solo, evitando traballar “a ollo” e cometer erros caros.
Con datos de pH, materia orgánica e nutrientes, podes:
- Axustar o abonado (sen desperdicio nin carencias).
- Decidir se cómpre encalar para mellorar a fertilidade.
- Aproveitar mellor xurro e esterco, reducindo perdas e impacto ambiental.
- Mellorar produción e calidade de prados, forraxes e cultivos.
En resumo: unha análise de terras axúdache a producir máis e mellor, gastando menos e coidando o medio. Ideal para planificar con criterio e tomar decisións con base técnica.
O laboratorio de analise de terras, co que esperamos dar servicio a comunidade rural, conta coa axuda de igalia.
PLANIFICACIÓN DA AUGA
Á hora de planificar unha explotación agrogandeira, ou mesmo unha horta, hai un paso que convén facer ben unha vez para sempre: a planificación do terreo. É o traballo de base que condiciona todo o demais e evita problemas repetidos ano tras ano. Para facelo con criterio, o máis eficaz é levantar a planimetría cun dron e obter un modelo do relevo que permita deseñar o movemento da auga segundo a dedicación da parcela: zonas de pasto, cultivos, arborado, accesos, e tamén puntos estratéxicos para abrevadoiros, áreas máis húmidas ou superficies que interesen máis secas. Neste deseño empréganse as liñas clave, que axudan a distribuír a auga de forma ordenada e eficiente, aproveitando a propia forma do terreo.
Da auga é ben sabido que, cando circula pola superficie con velocidade, erosiona o terreo e arrastra sobre todo as partículas máis finas —arxilas e materia orgánica (humus)—, o que provoca perdas importantes de fertilidade e, nos casos máis graves, pode conducir á degradación severa do solo.
Por iso, a primeira actuación debe ser orientar o movemento da auga para que, en vez de perderse por escorrentía, se espalle e se infiltre no perfil do solo, recargando a humidade do terreo e, cando as condicións o permiten, contribuíndo á recarga dos acuíferos e reducindo a necesidade de rega. Esta retención e distribución —que se pode dirixir ás zonas máis necesitadas— mellora a humidade estable e, con ela, aumenta a actividade biolóxica, favorece raíces máis profundas e mellora a estrutura do solo. Ademais, permítenos crear zonas máis húmidas e mesmo pequenos estanques ou abrevadoiros que incrementen a biodiversidade e sirvan de punto de auga para a fauna e o gando.
ANÁLISE DO SOLO
O solo non é un mero soporte: é un ecosistema vivo formado por minerais, auga e aire, cheo de vida (bacterias, fungos, protozoos, nemátodos, insectos e raíces). Esa bioloxía descompón a materia orgánica, recicla nutrientes, crea estrutura e regula a infiltración e a retención da auga. Cando falta, o solo perde fertilidade real.
- Por iso, na agricultura, a análise de terras é imprescindible: sen medir, trabállase ás apalpadelas. A análise dáche datos para decidir ben e aforrar.
- Por que é clave?
Escoller prácticas axeitadas: cubertas, compost, biofertilizantes, menos laboreo ou pastoreo non funcionan igual en todos os solos; a análise marca prioridades (corrixir acidez, mellorar estrutura, equilibrar Ca–Mg–K–Na, aportar micronutrientes).
Non tirar cartos en insumos: evita cal “por costume”, compost sen criterio ou NPK por rutina, que pode xerar bloqueos e problemas.
Un solo ben estruturado infiltra e retén mellor a auga, sofre menos con seca ou encharcamento e mellora a saúde da planta.
A Fundación Galicia Verde ofrece servizos técnicos moi competitivos para apoiar e impulsar o rural, axudando a mellorar a produtividade e a sustentabilidade das explotacións. Entre eles destaca o asesoramento e as análises de terras, clave para tomar decisións con datos e aforrar en insumos. Ademais, imparte cursos prácticos sobre análise de solos para aprender a interpretar resultados e aplicar melloras reais no terreo. Un apoio directo e útil para quen quere xestionar mellor a súa finca.