Ir ao contido

voluntariado - Fundación Galicia Verde

voluntariado

COLABORACIÓNS
A Fundación Galicia Verde é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa polo País, comprometida coa conservación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural, cultural e humano do noso rural.

Cremos nunha Galicia viva, solidaria e sostible, na que as persoas sexan protagonistas do desenvolvemento das súas comunidades e teñan capacidade real para decidir sobre o seu futuro.
POR QUE PARTICIPAR?

O voluntariado é moito máis que ofrecer tempo ou realizar tarefas. É unha oportunidade para contribuír á mellora da nosa contorna, compartir coñecementos, aprender doutras persoas e formar parte dun proxecto colectivo.
Participar permite sentirse útil, establecer novas relacións, adquirir experiencias e experimentar a satisfacción de contribuír a unha causa que merece a pena.
No voluntariado todas as persoas achegan algo e todas poden recibir algo a cambio.

EN QUE PODES COLABORAR?

Na Fundación Galicia Verde desenvolvemos diferentes iniciativas nas que podes participar segundo os teus intereses, coñecementos e dispoñibilidade.
🏡 NA SEDE DA FUNDACIÓN
Colaborando no mantemento e mellora das instalacións, na organización de actividades, encontros e actos públicos, ou prestando apoio en tarefas administrativas, loxísticas e de atención ás persoas participantes.
🌱 NO TERRITORIO E NAS COMUNIDADES RURAIS
Participando na creación e recuperación de corredores verdes, na conservación de espazos naturais, na recuperación de sementes tradicionais e variedades locais, na protección do patrimonio rural ou en iniciativas solidarias de apoio a persoas en situación de necesidade.
📺 NA TV RURAL E NA COMUNICACIÓN
Axudando a dar voz ás xentes do rural mediante entrevistas, reportaxes, gravacións, edición de vídeos, documentación ou difusión de contidos.
Queremos construír unha televisión rural participativa que permita formar, informar, conservar e recuperar os coñecementos, a memoria e a identidade das nosas comunidades.


QUEN PODE PARTICIPAR?

Todas as persoas teñen algo valioso que achegar.
Non é imprescindible ter unha formación especializada nin dispoñer de moito tempo. Cada persoa pode contribuír desde a súa experiencia, profesión, habilidades ou simplemente desde a vontade de colaborar.
A experiencia das persoas maiores, a iniciativa da mocidade e os coñecementos de persoas de diferentes ámbitos son recursos fundamentais para construír un futuro mellor.
O importante non é canto podes facer, senón o teu compromiso e as ganas de participar.


QUEREMOS CONTAR CONTIGO

Na Fundación Galicia Verde non buscamos unicamente persoas que nos axuden a realizar actividades. Buscamos persoas que compartan o compromiso de construír un rural galego vivo, solidario, sostible e con futuro.
Se compartes estes valores, convidámoste a formar parte deste proxecto.
Cóntanos que che gustaría facer, que podes achegar e de canto tempo dispós. Xuntos poderemos atopar a maneira máis adecuada de colaborar.
O país de todas e todos constrúese coa participación de todas e todos.
Volver ao contido
Application icon
Fundación Galicia Verde Install this application on your home screen for a better experience
Tap Installation button on iOS then "Add to your screen"