Tipos de sementes
AGRICULTURA > PLANTACIONS > SEMENTES
DIFERENTES TIPOS DE SEMENTES PARA PRODUCIR ALIMENTOS
Á hora de seleccionar as sementes para os nosos cultivos é importante coñecer os tipos que nos ofrece o mercado, co fin de obter alimentos da máxima calidade que, en último termo, se traduzan nunha mellor nutrición e, polo tanto, nunha mellor saúde.
Existen tres grandes grupos de sementes: as nativas, as híbridas e as transxénicas. Vexamos que achega cada unha delas.
As sementes nativas
A semente nativa, ou tradicional, está na orixe de todas as demais e é consecuencia da evolución, ao longo de milleiros de anos, daquelas especies silvestres que foron domesticando os nosos devanceiros. Este tipo de sementes foron as utilizadas ata que a chegada da Revolución Verde, na década de 1960, introduciu o concepto de agricultura industrializada, dependente do petróleo, e implantou os grandes monocultivos.
Se analizamos as plantas silvestres que foron domesticadas e que deron lugar ás variedades nativas, observaremos que, aínda que as súas frutificacións sexan máis pequenas, resultan extraordinariamente nutritivas. O proceso de domesticación supuxo unha perda de calidades organolépticas e nutricionais como consecuencia do proceso de selección levado a cabo polo ser humano. Esta intervención consistía, básicamente, en ir cultivando aquelas plantas que se daban mellor, que tiñan froitos de maior tamaño ou que presentaban un sabor ou unha cor que resultaban máis agradables.
Estas sementes son de código aberto, é dicir, poden reproducirse libremente sen pagar ningún tipo de dereito, xa que son patrimonio da humanidade e perténcennos a todas e a todos. Por este motivo, as agricultoras e os agricultores poden gardar as súas sementes dunha colleita para outra e ir seleccionándoas en función dos seus gustos, dos tipos de terra, da climatoloxía etc., do mesmo xeito que fixeron os nosos antepasados, dando lugar á diversidade de especies que coñecemos hoxe en día. É o caso, por exemplo, das distintas variedades de tomates ou de patacas xurdidas en lugares moi afastados entre si como consecuencia das adaptacións locais.
Estas sementes dan lugar a plantas máis resistentes.
Cada vez existen máis bancos de sementes nativas aos que resulta conveniente adherirse cando se queren obter produtos da máxima calidade nutricional.
As sementes híbridas
As sementes híbridas, tamén coñecidas como F1, son consecuencia da polinización cruzada de dúas variedades de plantas co fin de conseguir determinadas características. Esta polinización existiu sempre de maneira natural e, como en cada lugar se plantaban as mesmas especies, daba lugar a híbridos entre exemplares de características semellantes.
A intervención humana busca forzar hibridacións entre plantas diferentes para potenciar determinadas características, como o tamaño, a dureza ou a conservación. Por exemplo, pódese cruzar un tomate moi resistente con outro de gran tamaño para conseguir un tomate máis grande e resistente.
Das sementes híbridas cómpre destacar dous problemas. O primeiro é que a maioría das plantas híbridas ou ben non teñen descendencia fértil ou ben o resultado obtido non é o esperado, o que obriga a comprar novas sementes cada ano.
Outro problema, mesmo máis importante, é que, como consecuencia da manipulación, estas sementes producen alimentos cunha menor cantidade de nutrientes. A produción pode ter unha aparencia máis atractiva ou ser máis resistente, pero as súas calidades nutricionais están diminuídas. Este tipo de sementes desenvólvese polas empresas para favorecer os intereses da distribución, non os das persoas consumidoras.
As sementes transxénicas
As sementes transxénicas proceden de plantas modificadas xenéticamente mediante a inserción de xenes doutras especies, co obxectivo de obter resistencia a herbicidas ou a determinados insectos.
Neste caso, a dependencia respecto da empresa titular da patente é total. Ademais, esta adoita ser a mesma empresa que modifica a xenética da planta para que resista os seus propios herbicidas.
Isto presenta numerosos problemas, entre os que citarei só algúns:
Existe unha propiedade intelectual que protexe estas sementes e que impide que poidamos reproducilas, polo que a dependencia da compra anual de sementes resulta inevitable.
Este tipo de sementes desenvólvese asociado a algún tipo de tratamento químico, sempre altamente contaminante para o medio, para as persoas e para a flora e a fauna. Segundo persoas expertas da FAO, está demostrado cientificamente que o uso continuado de produtos agroquímicos acaba desertificando o solo.
Tamén afecta directamente á nosa saúde e á dos animais que consumimos. Neste sentido, recomendamos ler o informe Séralini.
Detrás destas sementes escóndese o perigosísimo desexo de controlar a humanidade por medio da alimentación.
As sementes ecolóxicas
As sementes ecolóxicas non existen como categoría diferenciada. O concepto de produto ecolóxico, tal e como se recolle na propia lexislación, refírese a un produto cultivado mediante métodos ecolóxicos, con independencia da semente utilizada.
Prodúcese así o paradoxo de que o 90 % das sementes ecolóxicas que se venden en España son híbridas e, como consecuencia, dan lugar a alimentos “ecolóxicos” cun menor valor nutricional que os cultivados a partir de sementes nativas ou tradicionais.