Informacion obradoiros
Preguntas frecuentes
Preme sobre cada pregunta para consultar a información.
Para que serven?
Os obradoiros buscan ofrecer respostas prácticas a necesidades concretas das comunidades rurais. Non son charlas teóricas afastadas da realidade, senón espazos de aprendizaxe útil, aplicable e adaptado a cada territorio. Serven para: Mellorar a autosuficiencia alimentaria, enerxética, económica e dixital. Recuperar saberes, oficios, tradicións e prácticas comunitarias. Reforzar a capacidade de organización das aldeas e parroquias. Promover a cooperación veciñal e as redes de apoio. Coidar o territorio, a biodiversidade, a auga e os recursos locais. Impulsar solucións sinxelas, de baixo custo e adaptadas ao rural. Axudar ás comunidades a identificar os seus puntos fortes, debilidades e retos de futuro.
Quen pode asistir?
Poden asistir todas as persoas interesadas no desenvolvemento rural, na sustentabilidade e na mellora da vida comunitaria. Están especialmente pensados para: Veciñanza de aldeas, parroquias e vilas. Asociacións veciñais, culturais, ambientais ou sociais. Comunidades de montes. Cooperativas, pequenas produtoras e iniciativas locais. Persoas interesadas na agricultura rexenerativa, a soberanía alimentaria, a enerxía comunitaria, a educación, a cultura rural ou a autoxestión. Concellos ou entidades locais que queiran dinamizar o seu territorio. Non é necesario ter coñecementos previos. Os obradoiros están pensados para ser accesibles, prácticos e comprensibles para persoas principiantes.
Canto custan?
Os obradoiros teñen unha orientación comunitaria e de servizo ao rural. O custo poderá variar segundo o lugar, a temática, os recursos necesarios e as entidades participantes. Sempre que sexa posible, procurarase que sexan gratuítos ou cun custo reducido, co fin de facilitar a participación da veciñanza. En cada convocatoria indicarase claramente: Se o obradoiro é gratuíto ou ten algún custo. O importe da inscrición, no caso de que exista. Que materiais están incluídos. Se é necesario levar algunha ferramenta, roupa axeitada ou material persoal.
Onde se realizan?
Os obradoiros teñen carácter itinerante. Isto significa que poden realizarse en diferentes comarcas, concellos, parroquias ou aldeas, achegándose ás comunidades que os soliciten ou que teñan interese en organizar unha actividade formativa. Darase prioridade aos lugares onde exista unha comunidade activa ou con potencial de organización: asociacións, comunidades de montes, grupos veciñais, proxectos agroecolóxicos, centros sociais, escolas rurais ou outros espazos comunitarios. Sempre que sexa posible, utilizaranse recursos da propia zona, tanto materiais como humanos, para que o aprendido poida continuar aplicándose despois do obradoiro.
Que temas tratan?
As temáticas serán variadas e adaptaranse ás necesidades de cada territorio. Algúns exemplos son: Agricultura rexenerativa e hortas comunitarias. Soberanía alimentaria e consumo de proximidade. Creación de bosques de biodiversidade. Corredores verdes arredor das poboacións. Botánica de campo, flora local e plantas medicinais. Xestión comunitaria da auga. Comunidades enerxéticas e aproveitamentos a pequena escala. Pastoreo rotacional rexenerativo. Montes veciñais e experiencias de xestión comunitaria. Oficios tradicionais e artesanía. Bioconstrución con recursos locais. Tecnoloxías de baixo custo para conservar auga. Soberanía dixital, software libre e autodefensa dixital. Dereito a reparar. Moeda social e economía comunitaria. Educación baseada na pedagoxía Freinet. Defensa legal ante problemas das comunidades locais. Recuperación de servizos básicos no rural. Coidados, apoio mutuo e autoxestión sociosanitaria. Esta listaxe é orientativa. Poderán propoñerse novos temas segundo as necesidades de cada comunidade.
Como se desarrolla un obradoiro?
Cada xornada poderá adaptarse á temática e ao lugar onde se realice, pero manterá unha estrutura básica: 1. Difusión previa Antes da celebración do obradoiro farase difusión da actividade a través de redes sociais, carteis, medios locais, entidades colaboradoras ou canles comunitarias. 2. Presentación inicial Ao comezo explicarase brevemente que é a Rede do Rural, que é RECOEDESOR, que entidades colaboran e cal é o propósito dos Obradoiros para o Cambio Ecosocial. Duración aproximada: 10 minutos. 3. Introdución teórica Farase unha explicación sinxela dos conceptos básicos necesarios para entender a actividade. Duración aproximada: 15 minutos. 4. Obradoiro práctico Será a parte central da xornada. Traballarase de maneira aplicada, accesible e participativa, procurando que as persoas asistentes poidan levar consigo coñecementos útiles para aplicar na súa comunidade. Duración orientativa: 2 horas e media. 5. Preguntas e debate Ao remate poderá abrirse unha rolda de preguntas e un pequeno debate sobre a temática tratada. Nesta parte procurarase analizar: Os puntos fortes do territorio. As dificultades ou carencias existentes. Os retos presentes e futuros. As ferramentas que poden aplicarse a nivel local. As posibilidades de continuidade despois do obradoiro.
Haberá materiais ou gravacións?
Sempre que sexa posible, documentarase cada obradoiro mediante fotografías, audio ou vídeo. O obxectivo é que a aprendizaxe poida compartirse posteriormente con outras comunidades. Cando haxa medios dispoñibles, poderán gravarse pequenos tutoriais prácticos ou resumos da xornada, seguindo boas prácticas de gravación sinxela e accesible.