Agricultura ecosocial
AGRICULTURA > O SOLO
AGRICULTURA ECOSOCIAL
O concepto de Agricultura Ecosocial supón a práctica dunha agricultura rexenerativa sostible, con criterios de permacultura, que non empregue ningunha substancia de síntese; que priorice a venda local ou de proximidade; que se integre no medio; e que permita ás persoas que a practican vivir dignamente do seu traballo. Moi importante é que, ademais, se utilicen sementes tradicionais, que non sufrisen ningún tipo de manipulación, para que realmente conteñan todos os nutrientes que se agarda delas. Este é o noso principal obxectivo e unha cuestión ineludible.
A crecente globalización preséntanos moitas contradicións, como permitirnos consumir produtos “ecolóxicos” producidos a miles de quilómetros de distancia, moitas veces con explotación das produtoras e produtores locais, e sempre contaminando a través dos envases necesarios, do transporte, das infraestruturas portuarias, da refrixeración…; é dicir, xerando un tremendo gasto enerxético no que, ademais, se desperdicia a metade dos alimentos producidos.
A masificación da agricultura e da gandaría industrializadas, dependentes do petróleo, está a crear un problema gravísimo para o conxunto da sociedade; e non só pola contaminación e pola degradación da saúde das persoas e do medio ambiente, senón pola dependencia dunha materia prima non renovable, como o petróleo, que está nunha fase de flutuación constante, xeralmente á alza, e cuxa produción, limitada, se esgotará en poucos anos. Trátase dunha materia prima moi politizada e que, a medida que vaia escaseando, orixinará graves problemas alimentarios e de todo tipo. En rigor, o petróleo non é só unha materia prima non renovable: a súa renovación tarda arredor de 500 millóns de anos.
A nosa proposta é a SOBERANÍA ALIMENTARIA, partindo de sementes tradicionais, sen manipular, consumindo produtos de tempada, locais ou de proximidade, minimizando envases, desperdicios, refrixeración e transportes, e creando riqueza local e distribuída. Os produtos de tempada son os máis axeitados para gozar dunha boa saúde xeral e para non precisar complementos nutricionais que compensen carencias.
Ao defender a agricultura rexenerativa con implicacións sociais, defendemos un modelo sustentable, entendendo por tal o que produce máis enerxía da que consume, achegando un plus que beneficia a capacidade de rexeneración do medio e manténdoo produtivo a longo prazo. Non hai necesidade de gastar enerxía en transporte excesivo, nin de contaminar polo uso masivo de derivados do petróleo, nin de recorrer a cadeas de frío, envases, reciclaxe de refugallos… e menos aínda cando todo iso serve para abastecernos de alimentos de peor calidade, manipulados.
A agricultura ecosocial de proximidade recupera os solos, protexe a biodiversidade e crea emprego e economía no rural, repartindo a riqueza e, paralelamente, ao ofrecer alimentos frescos, nutritivos e sen menos químicos, mellora a saúde das persoas e do territorio.
.
Existen varias opcións de cultivo e distribución que van gañando forza grazas a consumidoras e consumidores cada vez máis concienciados sobre a súa importancia para o futuro do planeta, fronte á industrialización do sector agrario e á manipulación do consumo.
Non se trata dun retroceso nin dunha volta ao pasado, como se intenta difundir desde distintos sectores con intereses propios; trátase, basicamente, de aproveitar todo o bo que tiñan os métodos agrícolas tradicionais, actualizándoos e integrándoos co respecto á natureza.
A AGRICULTURA INDUSTRIALIZADA
A agricultura industrializada baséase fundamentalmente no monocultivo e na destrución sistemática da terra pola utilización masiva de todo tipo de velenos (insecticidas, fertilizantes químicos, herbicidas…), que, ademais, son unha das fontes máis importantes de contaminación difusa que sofre o planeta. A agricultura industrializada, tamén coñecida como agroquímica, en mans de grandes multinacionais, pretende o control do sector primario como unha maneira de dominar o mundo.
Nesa mesma liña de control interprétase o desenvolvemento dos OMG (organismos modificados xeneticamente).
As consecuencias dramáticas da aplicación da agricultura industrial saltan á vista: máis de 45.000 campesiños e campesiñas morren cada ano envelenados pola utilización masiva de substancias químicas altamente perigosas; moitos outros milleiros sofren lesións graves; pobos indíxenas quedan afundidos na miseria; aumenta a desaparición de sementes autóctonas… e prodúcese un ataque directo á nosa saúde.
No mundo desenvolvido, a maioría das persoas consumidoras acudimos ás grandes superficies para abastecérmonos de alimentos, pero unha simple inspección do que se ve e do que non se ve amosa a presenza masiva de substancias químicas (colorantes, conservantes, aromatizantes, edulcorantes… moitas das cales se sabe que son potentes canceríxenos; e, se non se sabe máis, é porque non se quere investigar). Iso amósanos —ou debería amosarnos— a orixe dese modelo de produción; porén, non se nos facilitan datos sobre as condicións en que foi obtida, nin se nos di que con diñeiro de todas e todos (diñeiro público) se amplían portos e estradas para facilitar a distribución de alimentos por todo o país, favorecendo a unhas poucas empresas que, ademais, arruínan a agricultura local.
Podemos afirmar que a agricultura industrializada ten varios efectos negativos:
Como persoas consumidoras, cando entramos nese xogo, convertémonos en cómplices necesarios deses abusos.
- Sobre o gasto enerxético: por realizar demasiadas labores, consumir moito en transporte, incrementar a actividade gandeira (menos eficiente), aumentar os custos de produción en fertilizantes e biocidas, e incrementar os gastos en rega.
- Sobre a biodiversidade: un exemplo moi ben estudado é o caso de Francia, onde en 1900 existían máis de 4.000 variedades de maceiras, hoxe reducidas a arredor de 10. E todas e todos coñecemos o desastre que están a sufrir as nosas variedades en Galicia.
- Sobre a saúde, tanto humana como do planeta, incrementando os custos sanitarios e a necesidade de medicamentos.
- Sobre a sociedade: ao favorecer ás persoas ricas a costa de empobrecer grandes masas de poboación.
- Sobre o aire: ao emitir, entre outros, óxido nitroso procedente dos fertilizantes nitrogenados solubles, que na estratosfera reacciona coa capa de ozono.
- Sobre a auga: polo uso de nitratos, fosfatos e insecticidas organoclorados, que están a facer desaparecer as reservas de auga potable.
- Sobre o solo: destruíndo o complexo humus-arxila, favorecendo a erosión, salinizando os terreos de cultivo pola contaminación química e favorecendo a desertización.
AGRICULTURA SÁ PARA TODAS E TODOS
As persoas consumidoras debemos —máis aínda, creo que temos a obriga— preguntarnos que hai detrás dos alimentos que nos venden. A produción de alimentos sans é unha das metas dos métodos alternativos á agricultura industrializada.
Existen diversos métodos:
Método biorgánico, que defende que o natural debe ser o modelo a seguir, incluíndo os seus ritmos, o conxunto do planeta e os ecosistemas vexetais.Método biolóxico-dinámico, que é un desenvolvemento do método anterior, pero que considera a presenza de enerxías máis sutís que actúan entre as plantas, as persoas, os animais, os minerais e os astros.Método orgánico ou biolóxico, que considera que se debe establecer un equilibrio co contorno, integrándose nel, e sen empregar ningunha substancia química de síntese.Método de Agricultura Ecosocial (promovido pola FGV), que propón unha agricultura libre de substancias de síntese, integrada na loita contra o cambio climático e contra a desigualdade social, e dentro dun sistema holístico e universal, que incorpora catro consideracións:
1- SOBERANÍA ALIMENTARIA, entendida como o dereito de todos os pobos a producir os seus propios alimentos, libres de transxénicos.2- CONTIDO SOCIAL, que defende que as agricultoras e os agricultores perciban un salario xusto polo seu traballo e que este se realice en condicións saudables.3- USO DE SEMENTES NATIVAS, as que empregaron os nosos devanceiros por seren de “código aberto”, é dicir, patrimonio de toda a humanidade, e, especialmente, por seren máis ricas en nutrientes.4- VENDA DE PROXIMIDADE, para minimizar a contaminación derivada do transporte, as redes frigoríficas, os envasados, o gasto enerxético, o desperdicio, etc., que fan que a cadea alimentaria sexa unha das principais causas de emisión de gases de efecto invernadoiro.
A FUNDACIÓN GALICIA VERDE pode outorgar un distintivo de calidade, non oficial, ás produtoras e aos produtores que, estando rexistrados no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, queiran dar un paso máis de compromiso co medio e coa sociedade, aplicando criterios de Agricultura Ecosocial.
.